🍆 *Pedido mínimo de 10€ para Vigo e Ponteareas e 20€ para reparto en Concellos limítrofes*🥑

Sobre Nós

Aloumiños da Terra: Nós

Ernes

Ola! Benvida a Aloumiños da Terra!

Eu son Ernes, unha persoa que deixou a (in)comodidade do traballo estábel para adicarse ao que sempre gostou: a Terra.

O meu coñecemento provén da experiencia da vida, de ollar para as nosas maiores e os seus labores, de fixarme nos ciclos naturais... mais tamén da aprendizaxe en agricultura ecolóxica mediante cursos formativos.

O que me move son a ilusión e as gañas de poder pór o meu gran de area nun proxecto que forma parte dalgo moito máis grande, como é sostenibilidade do noso planeta e a soberanía alimentar. Para min, Aloumiños da Terra non so é un xeito de gañármonos a vida, mais un pasiño adiante cara un mundo mellor. E agardo que tamén para ti!

Rosi

Boas!

Eu son Rosi, e unha das miñas paixóns sempre foi o contacto coa natureza e a súa conservación. Son bióloga, especializada en conservación de espazos naturais e educación ambiental, e hai moitos anos espertou en min a inquedanza de traballar na Terra coa Terra, dun xeito sostíbel e respectando os ciclos da vida.

Considero que a alimentación é un dos piares fundamentais, se ben non o único,  para ter un corpo san. Con Aloumiños da Terra atopei o xeito de conxugar Terra e alimentación, podendo ofrecer o mellor de ambas cousas ás persoas que comparte esta filosofía de vida.

Para min, traballar a Terra deste xeito enriquece tanto o corpo como a alma e o espírito. E quero achegarte este enriquecemento a ti tamén!

 

A nosa historia:

Pasado

Aloumiños da Terra somos Rosi e Ernes. Todo comezou hai uns anos nun curso de horta ecolóxica en Mondariz . A curiosidade e as gañas de aprender fixo que nos xuntáramos. Unha vez rematado o curso, quixemos pór en marcha todos os nosos coñecementos. Uniunos as gañas de vivir do noso traballo no campo e o desenvolvemento persoal en contacto coa natureza. 

Presente

Darlle Aloumiños á Terra significa traballala con respecto, aportarlle produtos libres de química para que nos agasalle con alimentos sans e agradábeis ao paladar. Cada unha co seu, Rosi coas súas hortas en Areas (Ponteareas) e Ernes coas súas en Cabral (Vigo), pero xuntas  labrando, sementando e sachando.

Vender o noso produto é un xeito de gañarnos a vida, mais tamén é facer extensíbel un modelo de consumo alimentar máis xusto co medio, e connosco.

 

Futuro

Nada disto tería sentido se non quixeramos seguir vivindo deste xeito. O noso obxectivo é conseguir chegar a quen procure alimentarse con verduras e froitas sans e de cercanía. Continuar co reparto semanal ás persoas que confían en nós, e partillar con elas un ratiño da vida. Repartir Aloumiños con sabor á Terra.